Mapas, trens, fotos, fronteiras,...

Categoría: patrimonio cultural

101 obras maestras. Ciencia y arte en los museos y bibliotecas de Madrid


Te invitamos a pasear por Madrid para conocer o redescubrir 101 obras que son testimonio de cómo la ciencia y el arte, disciplinas aparentemente distantes, caminaron —y aún lo hacen— de la mano. Encuentra estas obras maestras dispersas por las muchas instituciones culturales de esta comunidad, y prepárate para leer en ellas las historias que tienen que contarte. No dudes de que en tu recorrido cruzarás caminos a veces imprevistos.


http://www.101obrasmaestras.com

O patrimonio secuestrado

(Reproducido de aquí)

Disque aqueles países máis avanzados son os que máis coidan o seu patrimonio. O exemplo, unha vez máis, está nos países nórdicos. Mais en Galicia, onde pistas forestais, parques eólicos e grandes obras públicas como o porto exterior da Coruña, arramplan con  poboados castrexos únicos, nunca se creu moito nesta premisa. Aquí onde nin sequera o inventario de bens patrimoniais está publicado, o coñecemento arqueolóxico é secuestrado por administracións e construtoras, sobre todo cando interesa máis asfaltar ca preservar, e por profesionais e estudosos da arqueoloxía que centran a divulgación na comunidade científica e non na cidadanía.

Herdeiros pola forza, o libro que veñen de presentar o xornalista Manolo Gago e o arqueólogo Xurxo Ayán en 2.0 Editora, dá conta desta realidade. Mais con todo, non é un catálogo de desfeitas, senón un canto á esperanza nunha sociedade civil que está a cobrar nova vida en iniciativas cidadás xurdidas na última década para defender o legado do noso pasado.

«O coñecemento arqueolóxico debe ser aberto. Imaxinemos que o estado paga investigación sobre probas nucleares e non fai pública esa información. Que pensariamos? Isto é ciencia. Porque non se fai pública?», pregúntase Manolo Gago. Exemplos deste interesado secuestro de información hai a esgalla. Un dos máis dolorosos foi a destrución en 2005 do castro de Punta de Muros, arrasado polas obras do porto exterior da Coruña, a primeira factoría fortificada da Idade do Bronce descuberta na Europa Atlántica e, probablemente, tal e como se indica no libro, o castro máis antigo escavado en area en Galicia.

A cronoloxía da descuberta do poboado de Arteixo é arrepiante. En xaneiro de 2005 inícianse as escavacións. Para o inicio do verán están xa rematadas, cunha celeridade pouco usual a non ser en procedementos de urxencia. En novembro xa non queda ren, por decisión da Autoridade Portuaria e do Ministerio de Cultura. En todos eses meses, non hai ningún tipo de publicación ou mapa oficial que dea a coñecer o que alí había nin da súa transcendencia.

Esta historia, a da censura e destrución e silenciamento da nosa propia Historia, repítese unha e outra vez. «Pasou agora mesmo en Taramancos, e en moitísimos outros casos, nos que as construtoras, que son adxudicatarias públicas, prohíbenlles o libre acceso á información dese xacemento a xornalistas, paisanos, cidadáns…». Taramancos, en Noia, é outro fito recente da desfeita a prol do asfalto. En maio do ano pasado, as escavadoras da vía de alta capacidade que atravesará a ría abrían un capítulo inédito da historia da zona. Saía á luz un poboado con importantes restos que destapaban o pasado romano, até entón descoñecido, de Noia, mais que, segundo voces expertas, se podería remontar á Idade do Bronce.

En setembro, o concello denunciaba xa a destrución dunha parte do xacemento. «Non se sabía nada, non sacaban información, a xente protesta, ninguén explica exactamente o que pasa. Un día pola noite, desmantelouse unha parte do poboado», explica Gago. Quizais dentro duns anos, ás greas de turistas en procura dunhas horas de consumo rápido de sol e praia, se lle venda unha nova atracción: a oportunidade única de viaxar… sobre o cemiterio do pasado.

 A cidadanía: ou vándala ou pailana

O libro de Ayán e Gago descobre unha xestión do patrimonio realizada dende arriba, sen o contacto nin a implicación da cidadanía. O discurso das políticas sobre o patrimonio e por veces das e dos propios científicos semella poñer ás e aos cidadáns en continua sospeita: ou delincuentes en potencia de quen o patrimonio debe ser apartado e protexido ou ignorantes a quen cómpre afastar porque, aínda que a súa intención sexa a mellor, non saben o que fan.

Isto ten unha consecuencia non menor. Somos herdeiras e herdeiros pola forza porque non se nos explica o valor do que temos, porque non se nos implica emocionalmente co noso legado, de modo que é entendido máis como rémora, como obstáculo para o progreso, que como oportunidade. A obra de Ayán e Gago recolle unha anécdota retranqueira e esclarecedora: Unha señora de Rois, no transcurso dunha conversa sobre a destrución dunhas mámoas da zona por unha estrada, retruca: «Os cruceiros e as mámoas póñenos pola noite os do Bloque para molestar».

«Denunciamos a marxinación das comunidades locais na xestión do patrimonio», comenta Xurxo Ayán, quen fala dun auténtico apartheid patrimonial, e non só das políticas  desenvolvidas dende a Administración senón tamén no discurso tecido polas elites culturais.  «A propia elite dos bos e xenerosos galeguistas sempre marxinou a comunidade local −explica−. Eran reprodutores de audio que soltaban as lendas, a esencia da nacionalidade galega, pero ao máximo que podían aspirar era a ser man de obra nas escavación dos anos 30 ou 40».

Fronte ao rexurdir na Transición de asociacións que se botaron ao monte movidas polo afán por recuperar o legado do pasado, consolidouse nos 80, co traspaso das competencias á Xunta e a creación da Dirección Xeral de Patrimonio, e nos 90, coa aprobación da Lei de Patrimonio Cultural, de novo o apartheid: a recuperación do patrimonio para as e os profesionais da arqueoloxía; o resto han de apartar as mans. Cortouse así o movemento asociativo e a, até entón, fértil relación de colaboración afeccionados cos museos provinciais, que fixera posible a recuperación dunha parte importante da nosa historia.

Á asociación Mariña Patrimonio deixáronllo ben claro cando lle comunicaron á Xunta a súa descuberta dun posible xacemento do Paleolítico. Retrucoulles a Dirección Xeral de Patrimonio se non estarían a facer prospeccións ilegalmente. E é que o artigo 57 da Lei de Patrimonio Cultural aprobada en 1995 prohibe, tal e como se indica no libro, «andar polo monte buscando mámoas» canto que esixe autorización previa para a propia prospección arqueolóxica, é dicir, mesmo para exploración superficial e sistemática sen remoción. Se a administración non ten recursos ou interese suficiente en preservar e poñer en valor o inxente e disperso patrimonio cultural de noso, e as persoas que o poderían facer voluntariamente, non poden, que queda por facer?