Que necesito?
Unha copia das páxinas dos libros de texto que esteas a empregar / empregases no teu centro (o meu obxectivo principal son os libros actuais, pero tamén me valen doutras etapas educativas, e tamén os da túa época de estudante) que traten estes temas:

  • A extensión xeográfica do galego (non a división dialectal, só a extensión do dominio lingüístico e a relación coas fronteiras políticas, moi particularmente o chamado «galego exterior»).
  • A Lusofonía e a posición do galego (estándares do tipo «LGB4.1.3. Coñece os territorios que forman parte da comunidade lusófona e sabe describir a súa importancia dentro das linguas do mundo no século XXI»).
  • As linguas de España / da Península Ibérica: situación xeográfica, situación sociolingüística, situación legal.
  • A diversidade lingüística no mundo, plurilingüismo como expresión da riqueza cultural da humanidade, etc. etc.

Non me interesa só a «explicación teórica», senón todo o que conteña o libro (exercicios, exemplos, textos para comentar, información adicional do «libro do profesor» etc.) Moi especialmente, os mapas.

Polo que vin no currículo, eses contidos están en todos os cursos de 1º a  4º da ESO (bendita secuenciación!) e incluso algún deles (diversidade lingüística e Lusofonía) en 1º BAC. Interésanme todos os cursos, porque normalmente hai sempre matices, reelaboracións, etc. dun nivel a outro, e moitas veces o Demo agóchase neses detalles.

Como o necesito?
Para poder utilizalo da maneira axeitada, é fundamental (ademais da editorial, claro) coñecer o número de páxina, o nivel e o ano de edición, así que é importante que eses datos queden visibles e ben identificados, especialmente se enviardes material de diferentes cursos.

Podes facermo chegar por diferentes vías:
a) Email: xoseafonso.alvarez@gmail.com
b) Whatsapp: 600337170
c) Correo postal: Xosé A. Álvarez. Dpto de Filología, Comunicación y Documentación. r/Trinidad 3. CP 28801. Alcalá de Henares.

Para que o necesito?
Na universidade de Alcalá ensino dúas materias (unha para futuros profesores de primaria e outra de secundaria) que, entre outros moitos aspectos, examinan criticamente o tratamento destes aspectos nos libros de texto. Xa tivemos ocasión de ver mapas que estenden a área lingüística do galego ata Astorga ou nos que se «informa» de que o galego ten 4 millóns de falantes en Galicia.

É importante unha análise rigorosa deste material para formar mellor os estudantes e tamén para redactar artigos científicos ou de divulgación que alerten sobre estes aspectos e permitan que a «industria textil» mellore os seus produtos.

Documentar a situación deste curso académico servirá tamén para, dentro dun tempo, contrastar a descrición das obras actuais e a dos libros adaptados ó novo currículo, que, en teoría, esixirá unha atención reforzada a varios destes aspectos.

Moitas grazas pola túa colaboración